Denuncian a DomusVi Viveiro ante Inspección por calendarios “insufribles” e xornadas “abusivas”

O comité alerta da "falla estrutural de persoal" en todas as categorías e afirma que as xericultoras son "obrigadas" a preparar e administrar medicación "sen supervisión de enfermería"

DomusVi Viveiro. GOOGLE MAPS

O comité da residencia Geriatros-DomusVi de Viveiro vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo por “múltiples incumprimentos laborais”, dado que malia que a Xunta de Galicia “xa tivo que intervir varios dos centros de que xestiona, dada a pésima xestión da pandemia que está a facer”, a compañía non só “non reforzou os cadros de persoal senón que mantén uns calendarios laborais insufribles, obriga o persoal a asumir tarefas para as que non está formado e prolonga as xornadas de maneira abusiva, provocando unha sobrecarga de traballo insostible”. 

QUENDAS DE “DOCE HORAS” POLA “FALTA DE REFORZO” DO PERSOAL

A través dun comunicado de prensa, a representación das traballadoras alerta dun “déficit estrutural de persoal en todas as categorías, que provoca unha enorme sobrecarga de traballo que se veu agravada pola pandemia da Covid-19. Así, no caso de enfermería, cando algunha das enfermeiras falta, as demais teñen que realizar quendas de 12 horas“, explica.

O comité expón que no tocante á limpeza, malia ser unha medida de prevención básica, “apenas se reforzou o servizo e se antes xa se precisaba de máis persoal, nestes momentos a realidade é que polas tardes na residencia só hai dúas traballadoras, que ademais teñen que facer tarefas de lavandería e servir comedores nas dúas quendas”.

ACUSA DE “MANIFESTA IRRESPONSABILIDADE” Á EMPRESA

As representantes do persoal denuncian ademais que as xericultoras están “obrigadas a administrar e preparar a medicación aos residentes sen supervisión de enfermería, triturando ou mesturando fármacos que quedan elaborados con máis de 24 horas de antelación. Unha actividade que extralimita as capacidades e funcións deste persoal, para a que non ten a formación adecuada e que constitúe unha manifesta irresponsabilidade por parte da empresa cos seus usuarios”, critica o comité.

As traballadoras aseguran que se dirixiron “en varias ocasións” á dirección para cambiar este tipo de prácticas “sen recibir ningunha contestación”, polo que as tarefas son “fonte de estrés” para o persoal “ao realizar labores que descoñece”, advirte a presidenta do comité, Lidia Seco.

Xunto a isto, sinala “que faltan xerocultoras para atender de maneira adecuada as residentes e cando se produce unha derivación hospitalaria, ao non ter cuberto a empresa ese posto, ten que ir unha traballadora doutra unidade quedando esa unidade só cunha xerocultora para atender 25 residentes”.

RECLAMAN Á XUNTA QUE EXERZA AS SÚAS COMPETENCIAS

Sobre o exceso de xornada, o comité denuncia que Geriatros-DomusVi “négase a entregar os calendarios de traballo do pouco persoal contratado como reforzo a causa da pandemia, a quen a empresa obriga a realizar xornadas superiores á máxima legal sen respectar os descansos mínimos. E de igual xeito, incumpre reiteradamente a obriga de pór a disposición da representación social o rexistro da xornada”, expón.

Ademais, Geriatros-DomusVi “tarda varios días en cubrir as baixas e nestes días, cando se deu un caso positivo entre residentes e algunha traballadora, e a empresa, en vez de contratar persoal de substitución e reforzar o servizo, o que fai é cambiar as carteleiras das xerocultoras para pórlles xornadas de 12 horas“, manifesta Seco.

O comité advirte de que estas “eivas” afectan “á calidade da atención aos usuarios”, polo que pide “da Consellería de Política Social que exerza as súas labores inspectoras e obrigue a DomusVi a cumprir coas ratios de persoal, garantir unhas condicións de traballo dignas e que se prime o benestar das persoas residentes sobre o negocio privado“.

UN ASCENSOR AVARIADO “DESDE HAI DOUS MESES”

Finalmente, o comité apunta como “exemplo do desleixo” da empresa que “dos tres ascensores que ten o edificio, só dous chegan até o  terceiro andar. Porén, un deses dous elevadores leva máis de dous meses avariado, polo que de estragarse o outro os residentes do terceiro andar quedarían incomunicados”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here